É tempo de entroido!, de Ramón Domínguez e David Sierra

Ramón Domínguez

É tempo de entroido! (ilustracións de David Sierra)

Xerais, Vigo, 40 páxinas, 14 €, 2018.

 

O entroido é unha da manifestacións culturais que máis nos singulariza identitariamente e entendo que constitúe un deses ámbitos que cómpre seguir cultivando sen dar as costas á nosa tradición, sorprendentemente ignorada ou sometida a desenvolver un papel secundario, e así camiñarmos cara a unha homoxeneización, en tantas ocasións, inconcibible. Ben o dixo un dos máximos especialistas na material como é Federico Cocho, que contempla o antroido como unha festa interclasista con fondas raíces na cultura popular europea.

Para recordarnos que temos un entroido propio e singular -ese que se reflicte, preserva e potencia, afortunadamente, en tantos lugares do noso territorio-, e mais para promocionar esta cultura entre os máis novos chega, nun formato de álbum ilustrado que encerra unha explosiva proposta cromática, este É tempo de antroido, con textos de Ramón D. Veiga e ilustracións de David Sierra, tándem creativo que xa hai dous anos publicara Violeta quere ser vampiro. Un conto do Samaín.

Velaquí, dalgún xeito, unha sorte de pequena enciclopedia visual, acompañada dun discurso breve, en moitas ocasións irónico e divertido, que percorre e visibiliza con efectividade a vitalidade que cobran, nestes tempos, as figuras tradicionais dos cigarróns, boteiros, volantes, peliqueiros, mázcaras, troiteiros, labardeiros, vergalleiros, pantallas, felos ou osos, sen faltaren madamas e galáns, os xenerais do Ulla, o célebre loro Ravachol, unha merdeira viguesa e mais uns choqueiros coruñeses, entre outras referencias.

O libro, ademais, enriquécese con outras posibilidades lúdicas, doadamente accesibles desde a información do libro incorporada na web de Xerais, como son, entre outras, unha canción de Isabel Fernández Reviriego inspirada no propio libro ou un karaoke para as persoas máis novas -e non só- que se acheguen a este libro con ese indubidable espírito festivo co que debe abrazarse.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 15 de febreiro de 2019 na sección “Ex umbra in solem”.