Dentro da literatura, de Suso de Toro

Suso de Toro

Dentro da literatura

Xerais, Vigo, 192 páxinas, 16 €, 2019

 

“A literatura é un camiño no que un vai encontrando cousas”, afirma no limiar deste libro Suso de Toro. En efecto, desas “cousas” que foi Suso de Toro atopando, tras unha longa peregrinaxe, se se quere, tras un extenso currículo como creador literario, é o do que fala neste libro, ao meu xuízo marabillosamente editado por Xerais e deseñado por Numax, algo que tamén é relevante para o éxito dunha publicación. Libro que nace ou se debe á teimosía de Xosé Manuel Rodríguez-Abella, amigo do autor, pedagogo e xefe do departamento municipal santiagués de Educación, falecido hai poucas datas.

Gustei moito deste libro, talvez porque, sen afectación nin soberbia, sen esa sensación que un percibe ás veces neste tipo de libros, ou por veces artigos, onde o “magister” adoutrina ás masas, está dominado por unha tonalidade que se inspira na modestia, no desexo de compartir e de contar, sempre con proximidade, a experiencia de Suso de Toro como escritor. Non é un vademécum, pois, para o escritor novel; non é tampouco unha xustificación -algo que o autor non precisa- da súa obra literaria…, antes ben Suso de Toro dirixe a súa ollada, e a súa palabra,  á construción, por un lado, dunha reflexión sobre o valor da literatura e, por outro, da meditación sobre aqueles elementos que van deseñando a figura do escritor apelando á súa propia.

Velaquí, ao meu xuízo, un libro honesto e sincero, cualidades que cada vez admiro máis nos libros que caen nas miñas mans. Velaquí unha revisión, tamén, do seu canon persoal mais tamén un cadoiro de opinións sobre outros moitos asuntos, cos que se pode estar ou non de acordo, pero que sempre suscitan reflexión de quen le como a lingua, a liberdade creativa, a figura do escritor como suxeito comprometido, a posteridade, a memoria, a figura ou o status do lector ou lectora, arredor das bibliotecas, do proceso de lectura ou da ética, por exemplo, do oficio da crítica, con liñas moi brillantes, a meu entender, as destes tres últimos focos de atención citados.

Un libro, en fin, que dialoga, que reflexiona e no que prevalece ese tesouro que sempre é compartir o pensamento e as ideas, máis aínda -para min- cando estas sobre sobre literatura. As persoas que lemos somos moi afortunadas por acceder a un libro coma este. Convido á súa lectura.