Non trabes na lingua, de Antón Cortizas Amado

Antón Cortizas Amado

Non trabes na lingua (ilustracións de Pepa Prieto Puy)

Galaxia, 116 páxinas, 12 €, Vigo, 2019

 

Antón Cortizas é un autor de longa e celmosa traxectoria que traballa, desde hai anos e con moi bo facer, no ámbito das posibilidades expresivas da lingua galega para unha franxa de lectorado moi concreta como é a que poboa as aulas de primaria e primeiros cursos, talvez, de secundaria, mais tamén para persoas de todas as idades que se sintan atraídos polos libros que exploran a realidade dunha lingua viva como ferramenta de creación. Neste labor, no que traio á memoria agora voces como as de Carlos L. Medrano, Xulio Cobas Brenlla, Ana María Fernández, X. C. Domínguez Alberte ou Paco Barreiro por só citar algúns nomes, transita agora Cortizas cun novo título –Non trabes na lingua– no que afonda nos trabalinguas, poñendo en valor esa orixe que naturalmente os sitúa no ámbito da literatura popular de tradición oral para construír xogos de palabras nos que se combinan fonemas semellantes recorrendo con frecuencia ás aliteracións e mais as rimas, cun obxectivo en ocasións dotado dunha intención irónica ou simplemente lúdica.

Neste libro atópanse trabalinguas que son resultado do traballo propio do autor, outros que recolleu en diversos lugares (Mugardos, Ferrol, Pontedeume, Carnota…, principalmente, aínda que hai tamén algúns adaptados doutras fontes), alén dun monllo deles que foron argallados e escritos polo alumnado do CEIP Unión Mugardesa, que dalgún xeito potencia e actualiza o xénero, e que ofrece, finalmente, un espazo que convida a compoñer outros novos, ou compilalos, ás lectoras e lectores que accedan a este libro.

Un paso máis dado, insisto, nesa potencialidade lúdica e expresiva da lingua galega que me parece todo un acerto. Parabéns ao autor e ao traballo, distinto e moi suxestivo, da ilustradora Pepa Prieto.