Rosalía de Castro / Helena González Fernández
Rosalía feminista
Xerais, Vigo, 168 páxinas, 12,50 €, 2019
Achégase o día 24, isto é, o Día de Rosalía. Serán numerosos os actos por Galicia toda, fundamentalmente ao abeiro de institucións propias da sociedade civil, que evocarán a súa figura e o seu herdo. Unha boa maneira, sen dúbida, de homenaxear a Rosalía é ler e reler a súa obra e, neste sentido, acaba de poñerse en circulación unha nova obra, en edición da profesora viguesa Helena González Fernández, que ofrece unha escolla moi valiosa da poesía rosaliana, e unha pequena prosa, en clave feminista.
Velaquí, así pois, unha achega relevante, unha iniciativa nunca antes transitada nesta dimensión e que chega, ademais, no atractivo novo deseño da colección Poesía de Edicións Xerais. A editora do libro confesa nunhas breves liñas introdutorias que a presente non é unha antoloxía máis, senón un reto que cifra en “leres como feminista a poesía rosaliana”, entendendo que nos poemas escomados pairan “as mozas, o amor romántico como dispositivo de doma, a institución matrimonial (…) a forza da ira e da celebración”.
A proposta que se nos ofrece guíase, así pois, a través da exposición dunha galería de figuras femininas estruturada en catro partes que van desde a interrogación da voz autoral -“Daquelas que falan”-, pasando pola desconstrución do concepto do amor romántico e o abismo que supón a vida instalada na precariedade para concluír nun apartado centrado nas “mulleres soas” que prologa unha celebración, necesaria e precisa, conclusiva.
Tanto por aprender aínda de Rosalía…, velaquí un camiño. Os meus parabéns por este proxecto.