Arturo Lezcano (1939-2019) será evocado como o gran xornalista que foi, e é de xustiza que así sexa, mais non teño dúbida que a súa obra literaria -e deixo aquí á parte, malia que non foi un traballo menor, o seu labor como ensaísta nucleado arredor da memoria cultural da cidade de Ourense, por unha banda, e a investigación que realizou por volta do universo que representou a liñaxe dos Risco para a cultura galega, por outra- irá resituándose no seu xusto lugar conforme pase o tempo.
Lezcano, da man de Antón Risco, chegou á literatura serodiamente, nunha antoloxía que este último preparou e na que viu incluído dous relatos da súa autoría por volta de 1991. Estes formaron parte, tres anos despois, no seu debut como narrador no libro Os dados de Deus; volume ao que lle seguiría, tamén na Editorial Galaxia, o título Só os mortos soterran os seus mortos (2001), talvez este último dono dunha pegada memorialística maior e, sobre todo, un modelo que amosa unha pasmosa diversidade de técnicas narrativas e puntos de vista.
De ollar hoxe eses dous libros publicados medra en min a convicción de que Lezcano se abeirou a un xénero -na actualidade con moito máis público- como é o da literatura fantástica onde desenvolveu un labor en boa parte pioneiro. Abrazou con solidez algúns principios dos que nunca abdicou como foron a brevidade, a síntese e a transparencia no discurso narrativo; entendeu a súa opción xenérica como unha ferramenta para falar do seu -e noso- tempo, sen abandonar nunca unha perspectiva crítica e irónica, actualizando asemade a tradición mítico-lendaria galega e abrindo a porta a novas referencias e mundos literarios pouco transitados na nosa tradición.
Lezcano, por último, non esqueceu proxectar na súa obra a pegada do cine, algo palmario na estrutura dos relatos por exemplo, nin tampouco situar Ourense como pano de fondo literaturizado de tantas das súas historias. A pouco máis dun mes do seu falecemento creo que, cando menos, cumpría lembrar esta pequena parte do que nos deixou.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 22 de febreiro de 2019.