O triángulo inscrito na circunferencia, de Víctor F. Freixanes

Víctor F. Freixanes

O triángulo inscrito na circunferencia

Galaxia, Vigo, 508 páxinas, 26,50 €, 2019

 

Víctor F. Freixanes, a comezos dos anos oitenta, coñecido como xornalista e autor dalgúns relatos, presenta esta novela, a primeira da súa autoría, ao Premio Blanco Amor. Un xurado esixente, presidido por Torrente Ballester,  galardoouna e aínda acadaría o Premio da Crítica do ano seguinte. A novela, por outra parte, esgotou pronto varias edicións e recibiu os parabéns da crítica que entendeu aquela proposta, nun momento de tránsito e cambios, como precisa para cimentar a prosa nunha literatura que viña de perder algúns dos seus máis salientables representantes había pouco tempo.

Confeso aquí a miña lectura persoal dunha novela que me fascinou cando nun día calquera de maio de 1983, dedicado a Leiras Pulpeiro, conseguín un exemplar para ler aquel inminente verán. Non sei ben que entendería, daquela, da intención que pairaba na novela: chegaría a entender a vontade de construír unha parábola do país?, lograría ver ese xogo da historia transformada en ficción, ou ao revés?, repararía na tensión explícita entre o inmobilismo e a necesidade de cambio reflectida nalgúns personaxes?, decataríame de que a descrición amorosa daquela Vilanova de Alba sería a Pontevedra do 1829, e advertiría a homenaxe aos mareantes galegos?, vería a verdadeira ambición de construír unha novela de referencia para o futuro, a tonalidade épica que a domina? Sentiría esa fusión máxica entre o imaxinado e o real? Probablemente non, con certeza iso son cousas que un pode percibir agora, pero si permaneceu en min a música coa que estaba construída, algo que naturalmente pervive, a forza simbólica dese Mar dos Espellos no que aboia a memoria  e ese caudal léxico que tanto me asombrou, que me asombra aínda cando reviso catro follas de apuntamentos léxicos que conservei nas follas daquela edición mercada hai xa tanto tempo. Ler esta versión actualizada ortograficamente segue a ser unha oportunidade para aprender e para gozar, coa mesma ilusión, daquela “alabarante luzarada” que brilla de novo: a dun clásico da nosa literatura.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 1 de febreiro de 2019.