No adeus a Pilar Vázquez Cuesta

Souben hai tres ou catro anos,  por Rosario Álvarez Blanco, da situación persoal de Pilar Vázquez Cuesta da que, tras a súa xubilación definitiva, pouco coñecía. Onte, a profesora Carme Lamela daba conta do seu pasamento: unha noticia dolorosa para min neste marzo de tantas ausencias pois dona Pilar foi, sen dúbida,  unha das profesoras máis influentes, no curso 1988-89, como docente de Literatura Portuguesa na Facultade de Filoloxía da USC, á que acababa de chegar para facerse cargo da Cátedra de Portugués.

As súas clases, todo un exemplo de erudición, supuñan un desvelamento luminoso da literatura portuguesa mais, ao tempo, resultaba bastante cotián que apelase ao seu coñecemento da literatura galega -citaba con frecuencia a Manuel María, Blanco-Amor, Uxío Novoneyra ou Celso Emilio Ferreiro- e, loxicamente, das letras portuguesas, sobre todo contemporáneas. Froito do seu esforzo callou un ciclo de autoras e autores que pasaron por Santiago de Compostela, entre as que lembro a Agustina Bessa-Luís, Lídia Jorge e coido que tamén Vitorino Nemésio entre outras, mais sobre todo a figura de Saramago: un Saramago brillante que, daquela, aínda non era candidato ao Premio Nobel e a quen tiven a sorte de presentar no paraninfo da Universidade porque dona Pilar mo pediu, con moita insistencia.

Aprendín, aprendemos moito da profesora chantadina, dentro e fóra das aulas: unha verdadeira pioneira en moitas facetas, tanto no ámbito da docencia como no da investigación. Grazas polo seu exemplo vital e docente. Descanse en paz.