A volta de Con pólvora e magnolias, de X.L. Méndez Ferrín

Recibín onte algúns exemplares da nova edición, actualizada ortograficamente, de Con pólvora e magnolias de X.L. Méndez Ferrín, en edición literaria de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, revisada nesta ocasión tamén polo autor ourensán, que fora editada por Rompente no ano 1976 e, máis tarde, na devandita Biblioteca no ano 1989.

É unha alegría para min constatar esta nova xeira da serie Biblioteca das Letras Galegas que, con trinta anos de actividade e dirixida ata o ano 2000 polo profesor X.R. Pena, aparece agora cun formato renovado, máis diáfano e cunha ilustración de cuberta a cargo de Iván R. que non dubido en cualificar de moi acertada. Facelo, ademais, cun texto poético tan relevante para a poesía galega, desvelado con luminosidade polos seus editores literarios, é unha regalía. Grazas a Xerais pola continuidade deste proxecto.