Pepa a Loba, de Ledicia Costas

Hai algún tempo o Caderno da crítica recibiu un exemplar de Pepa a Loba: unha nova entrega da colección “Mulleres bravas da nosa historia” con texto a cargo de Ledicia Costas e ilustracións de Eva Agra. Saudei e comentei en repetidas ocasións a idoneidade desta colección polo que non vou reiterar as mesmas conviccións e tan só quixera sinalar o acaído dun discurso narrativo, absolutamente delicioso, dominado pola oralidade, a fluidez e o humor, da man dunha protagonista chamada Xela: unha nena que quere ser bandoleira e á que lle encanta que a súa avoa lle conte a historia, fascinante, de Pepa a Loba, esa que vai da realidade á mitoloxía ou ao revés, mentres a súa nai se molesta por eses paxaros que a avoa lle mete na cabeza a Xela. Con todo, alén de divulgar a figura de Pepa a Loba, unha muller brava, o caso é que a súa historia logra concitar a empatía e unir as vontades das tres xeracións de mulleres: de todas as mulleres que queiran sumarse. Grande, Ledicia.