Relatos para televisión, de Xabier Cordal

Xabier Cordal

Relatos para televisión

Xerais, Vigo, 168 páxinas, 17 €, 2019

 

 

Xabier Cordal, poeta ben coñecido e de longa traxectoria desde a súa actividade nos tempos do grupo poético Ronseltz de mediados dos anos oitenta ata o seu recente Resistencia da auga (Chan da Pólvora, 2018), ofrece arestora a súa primeira incursión no ámbito da narrativa en forma de libro independente con este Relatos para televisión: unha proposta constituída por un total de doce relatos, independentes entre si e de carácter heteroxéneo en canto a espazos, tempos e perfís dos personaxes, situados todos eles no ronsel dunha narrativa que bebe do estrañamento e da alegoría, que se sitúa nesa dinámica que inquire continua e teimosamente sobre o estado das cousas, que tamén procura unha explicación satisfactoria do cotián nun universo onde os seus límites non se sabe onde están e onde o peso das tecnoloxías é tan relevante que as brétemas do onírico se mesturan coas sombras que proxectan as “deep webs”.

Cordal camiña aquí polos vieiros do camiños do simbolismo e da crítica política: faino internándose en coordinadas que atravesan en ocasións a realidade con outra ollada, que se estenden ao abeiro da ficción distópica ou que mesmo se internan no ámbito do lendario. O autor perfila as súas propostas literarias de maneira que todo, ou case todo, quede disposto sempre para unha libre e autónoma interpretación final que complete o sentido das historias. Os protagonistas, en moitas ocasións, ocupan “identidade baleiras” e todo está aberto ao imprevisible.

Con relatos notables, parécenme brillantes “O neno de Jezabel”, no que erixe unha épica do cotián e unha crítica ao capitalismo xogando co que en aparencia é incomprensible;  “Ruído de fondo”, case unha novela curta ao meu ver con moitos puntos de contacto cun  Retorno a Tagen Ata futurista ou esa pequena marabilla, desacougante e intensa, distópica e talvez alegórica que é “Doróisín, Doróisín”.

Relatos cos que axiña se sente ese golpe que provoca o estrañamento diante do  inaudito ou sorprendente. Para non perder.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 22 de marzo de 2019.