As ramonas, de Ana Cabaleiro

ASAna Cabaleiro

As ramonas

Galaxia, Vigo,  176 páxinas, 16,50 €

 

Galardoada co Premio García Barros esta novela de Ana Cabaleiro asenta a súa presenza entre os valores máis salientables da narrativa contemporánea. As ramonas preséntase como unha proposta marcada pola filiación xenérica ao relato curto e pola consciente pretensión de dotar dun movemento continuo a uns personaxes sólidos, gobernados por ritmos narrativos acaídos e que se asoman ás vivencias de mulleres mergulladas, diacronicamente, nun profundo pozo de abatemento e resiliencia.

O libro percorre, así pois, as cicatrices da humillación que sofre Mona Otero: unha fotógrafa profesional, tamén artista, que debe recorrer á axuda de amigas e doutros recursos de mobilidade para realizar o seu traballo cotián. Marteladas continuas golpean a vida persoal e profesional de Mona ata que, inmersa nun rodopío emocional imparable, regresa á casa natal de Saídres e tan só o entorno familiar máis próximo, as ansias de subsistencia e a fe nun proxecto artístico renovador, verdadeiramente sorprendente, que pretende espellar “o hálito de abondono que a rodea”,  outorga sentido cabal á ilustración da cuberta e, por tanto, a unha das historias que sustentan este libro.

Ademais, non resultan menores outros asuntos que se incorporan, de maneira natural, neste discurso como a precariedade laboral, a visión dun mundo rural -neste caso ambientado nas terras do Deza- que non se somete a visións tópicas e, sobre todo, o papel concedido ás mulleres “que saben sufrir”,  que poboan un mundo “acostumadas a bracear entre a loita e a submisión”, que enchoupan a tonalidade da novela como illas, tamén, ás que se abrazar.

Hai tristura, “demoledora” como se sinala nalgunha páxina, nesta proposta narrativa de Ana Cabaleiro, si; mais tamén As ramonas está cruzada por un frémito de vida, de mudanza, reivindicativo e transparente, por poñer o foco nas mulleres de carne e óso coas súas propias contradiccións,  tamén daquelas non parecen gozar, sequera, do simple dereito a existir. Sobre todo isto convídasenos, con brillantez e implicitamente, a reflexionar.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 29 de marzo de 2019.