Antonio Fraguas
Do tempo e dos astros
Galaxia, colección A. Fraguas, Vigo, 60 páxinas, 10 €, 2019
Estréase a colección Antonio Fraguas na editorial Galaxia co título Do tempo e dos astros que recolle unha conferencia ditada polo autor no Ateneo de Vigo o 9 de maio de 1931 baixo o título de “O culto aos mortos” e que despois se recolleu na revista Nós, e mais o texto “Preocupación polo tempo e os astros na crenza popular”, que se publicou orixinalmente no tomo V do Boletín Auriense no ano 1975.
Ambos os dous textos de Fraguas cumpren, ao meu ver, unha funcionalidade evidente como é, por un lado, facilitar a accesibilidade á obra do autor de Cotobade, ata agora dispersa, como se sabe, en numerosas publicacións e, por outra banda, contribuír á divulgación dunha pequena parte do seu traballo que, nesta ocasión, se vincula cos traballos de carácter etnográfico, que sempre entendeu como unha exposición, o máis obxectiva e amena posible, dos datos que xera a propia investigación, nucleados aquí arredor da idea do alén e da morte, isto é, da cultura inmaterial dos pobos respecto da que foi un dos nosos máximos especialistas.