Marcus Pfister
O peixe arcodavella (tradución Iago Nicolás Ballesteros)
Kalandraka, Pontevedra, 32 páxinas, 16 €, 2019
Marcus Pfister é un autor e ilustrador suízo que cobrou celebridade internacional pola publicación de Der Regenbogenfisch, na editorial NordSüd en 1992, traducido agora ao galego desde a edición alemá baixo o título de O peixe arcodavella.
A fábula que se encerra neste volume, iluminado con extraordinarias acuarelas e galardoado en numerosas ocasións, adquiriu con xustiza e co paso do tempo a categoría de clásico contemporáneo. Basicamente céntrase nun peixe con escamas escintilantes que non quere compartir con outros peixes ata que, dalgún xeito e relegado á soidade por esta actitude, se fai consciente de que xustamente no feito de compartir e na xenerosidade sempre obterá unha maior satisfacción. Un libro acaído para un sector constituído por un lectorado inicial mais ao que, tamén, se lle pode tirar moito partido ao recrear, alén do sinalado, outros asuntos como a soidade, as claves do canon da beleza ou a superación de circunstancias desfavorables. Milleiros e milleiras de lectoras, en diversas linguas e ao longo de máis de vinte anos, confirman a relevancia deste libro que hoxe temos a fortuna de poder ler na nosa lingua.