Ramón Caride Ogando
Singamia 1.1
Xerais, Vigo, 135 páxinas, 12,50 €
Ramón Caride deu comezo hai anos a un proxecto absolutamente insólito na literatura galega contemporánea como foi o de idear unha triloxía composta por relatos que afondasen nas dimensións da nosa realidade cotiá, ou da que está por inminentemente por vir, disfrazados talvez de distopías, mais mo próximas e case tanxibles. Algo que dá cabo agora con Singamia 1.1, tras os dous volumes anteriores titulados Exogamia 0.3 (2011) e Endogamia 0.2 (2013).
A colectánea que conclúe esta serie denominada “Aktual” segue abrazando principios que gobernan a triloxía desde un principio como son a habilidade compositiva, a fluidez narrativa e ese deixar abertas as portas á reflexión para suscitar o debate crítico. Se, dalgún xeito, houbese que procurar algún elemento que dotase de singularidade estes seis relatos que aquí se presentan baixo o subtítulo de “queridas máquinas”, talvez este sería o de presentaren todos eles unha recreación sobre asuntos de filiación científica e tecnolóxica, ollados desde unha perspectiva que posibilita compor unha análise dos verdadeiros obxectivos que pode haber tras a construción dunha sociedade altamente tecnoloxizada e as consecuencias éticas que esta pode carrexar.
Non resultan gratuítos os paratextos iniciais deste libro que recollen fragmentos de Carl Sagan ou manifestacións de Nuria Oliver, directora científica de Telefónica I+ D, de Charlie Brooker, creador desa magnífica e desacougante serie televisiva que é Black Mirror. Deste último recóllese a afirmación, tan acaída para este libro, de que “moitas das cousas que acontecen nun episodio, como acontecen, non poderían pasar cinco anos antes. Só tes que mirar ao teu redor”.
En efecto, Caride presenta situacións que son ficción, mais ao tempo realidade, nun tempo en que as máquinas se introducen na nosa vida cotiá sen case decatarnos ao transitar por motivos que van dos escáneres cerebrais aos drons ou das cámaras ocultas á intelixencia artificial, entre outros. Convido a coñecelos: o desacougo está garantido.
Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 12 de abril de 2019.