Hai anos, consultando prensa histórica galega, aparecía con frecuencia a brillante e polifacética sinatura de Johan Carballeira. De aí a miña satisfacción ao constatar como neste libro titulado A obra xornalística de José Gómez de la Cueva (Johan Carballeira) se compila e estuda boa parte da súa produción no xornalismo de opinión e noutros ámbitos, nunha coidada edición a cargo de Francisco Rodríguez Pastoriza.
A súa figura, como último alcalde republicano de Bueu fusilado en abril de 1937, proxéctase como é sabido a outros ámbitos como o de creador poético, mais nesta ocasión recupéranse e contextualízanse os máis dos seus traballos xornalísticos que viron a luz en xornais e revistas, clasificados con utilidade por bloques temáticos e ordenados cronoloxicamente. Un libro do que cumprirá ocuparse con máis vagar e que entendo como unha feliz achega.