Cidade cemento, de Ana Santiso

9788491513162Ana Santiso

Cidade cemento

Galaxia, 36 páxinas, 13,50 €, Vigo, 2019

 

Ana Santiso goza xa dun percorrido considerable como ilustradora, tamén como muralista, e autora. Nesta ocasión ofrece un título estimable titulado Cidade cemento, acollido nun álbum de gran formato. para abeirarse a un discurso narrativo conciso e diáfano que, nos leva cunhas imaxes intensas pola vida cotiá nunha gran cidade da man dunha protagonista innomeada. Será con esta nena, a personaxe máis nova de todas as que aparecen, con quen percorremos espazos inhóspitos, grises, tecnificados, escuros e ofegantes, nos que se transmite con claridade a soidade, o illamento e unha rutina recorrente que só se quebra coas doses de imaxinación que ela encerra e pon en práctica. Son esas doses as que lle permiten experimentar unha viaxe nun barco inesperado onde, malia percorrer territorios nada idílicos, fan que saia dese estado de cousas e que comparta cun enigmático capitán que agarda o seu barco, día e noite, nunha parada de tranvía.

Un suxestivo álbum ilustrado no que paira a idea de que os golpes imaxinativos e a ansia de aventura, ás veces, poden axudar a cambiar ás persoas e as súas propias relacións sociais.