Xoán Curiel (ilustracións de Nuria Díaz)
Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas
Galaxia, Vigo, 24 páxinas + cd, 20 €, 2019
Aplaudo o esforzo que supón unha iniciativa como a que Galaxia pon en circulación estes días. Un magnífico libro-cd que, baixo o título de Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, pretende achegar o universo do protagonista das Letras Galegas ás persoas máis novas articulando unha viaxe musical, heteroxénea e dona de moi diversos ritmos -quer tradicionais quer máis modernos-, tanto pola figura de Fraguas, con pezas creadas por Xoán Curiel e inspiradas en aspectos biográficos do autor homenaxeado, como outras que beben da tradición popular recollida no Cantigueiro de Cotobade, e que o propio Curiel adaptou e seleccionou con tino para interpretar musicalmente, a carón doutras voces como as de Jara Ortiz, Xoel Campos, Iris Gey, Pablo Díaz ou Alfonso Camarero, alén de contar coa colaboración dun bo número de músicos. Todo presentado nunha fermosa edición suxestivamente ilustrada por Nuria Díaz.
Unha excelente ferramenta, quen o dubida, para promocionar a figura de Antonio Fraguas, e o seu traballo como divulgador da nosa tradición popular, entre as persoas máis novas. Parabéns.