Marilar Aleixandre (coordinación e edición)
Horas de Compostela. Homenaxe da Real Academia Galega a Salvador García-Bodaño
Real Academia Galega, A Coruña, 62 páxinas, edición non venal, 2019.
Recibiu o Caderno da crítica unha publicación editada pola Real Academia Galega que recolle as intervencións da homenaxe que, por mor do Día da Poesía, se lle tributou hai poucas datas a Salvador García-Bodaño. O libro, que se pode descargar en pdf premendo aquí, articúlase como un recoñecemento á traxectoria do poeta que recolle a programación dos contidos do devantido acto, conducido por Andrea Porto, que tamén participa neste volume, a carón doutros textos como son o introdutorio de Víctor F. Freixanes ou o laudatio que correu a cargo de Arcadio López-Casanova, sen esquecer utros textos que veñen da man de Luz Pozo Garza, Xosé Luís Franco Grande, Margarita Ledo Andión, Dores Tembrás, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro, Xulio López Valcárcel, Marilar Aleixandre -ao tempo editora literaria e coordinadora do volume-, Alba Cid e Baldo Ramos que acompañan e presentan unha significativa antoloxía de poemas do autor e que incorpora textos pertencentes a libros como Ao pé de cada hora, Tempo de Compostela, Obra poética ou Pegadas no alcatrán, entre outros.
Conclúe o libro coa reprodución de tres composicións poéticas de García-Bodaño musicadas por Miro Casabella e unha coda a cargo de Xesús Alonso Montero que ofrece unha análise concienciuda e completa realizada á luz da ecdótica e que se ilumina tamén ao reparar tanto no contexto en que foi escrito e publicado orixinalmente, como no desvelamento das claves interpretativas dun extraordinario poema como é o titulado “Rosalía de Castro, campesiña na eternidade”.
Un xusto recoñecemento o que se rende aquí a Salvador García-Bodaño. Os meus parabéns por esta iniciativa e polo resultado final.