Extraordinario, de Antón Lopo

2019040616261330649Antón Lopo

Extraordinario

Galaxia, Vigo, 160 páxinas, 14,50 €, 2018

 

Pode ser que a esencia desta proposta narrativa de Antón Lopo, galardoada inicialmente co premio Narrativa Breve Repsol 2018 e, máis recentemente, co presitixioso premio da crítica española na modalidade de narrativa en lingua galega, repouse nunhas liñas que o protagonista escribe nun caderno: “O máis difícil da vida é amar e deixar que te amen. Tamén aceptar que non o fagan”.

É, pois, Extraordinario unha peza narrativa que se nuclea sobre o amor, tamén sobre o corpo e o sexo? Éo, nalgunha medida, como tamén estes son motivos presentes na creación literaria do autor publicada ata agora. Lopo sabe que a palabra encerra, aínda, esa capacidade evocadora que el manexa con trazo rápido e medida xusta, nos obxectos, nas cousas, nas presenzas e atmosferas que nos rodean cando pasa algo e, sobre todo, cando lembramos ese instante ou esa situación. Aquí reside, se cadra, un dos elementos máis atractivos desta historia contada fragmentariamente: a luminosidade descritiva dos territorios que poboan un pasado, reconstruído con brillantez e con acaídas doses de ironía e humor, malia que aqueles territorios sexan ás veces miserables. Ecos dun tempo anterior que dialogan cun presente cruzado por innúmeras tensións familiares de mans dadas con ese relato, espléndido por diáfano e certeiro, que repara tanto nos estragos que xeran as doenzas como no esgotamento físico e psíquico que provoca a enfermidade dun familiar hospitalizado.

Este é un libro que ispe, ás veces encarnizadamente, un tempo de formación e de apertura ao mundo; que ao tempo posibilita asomarnos ao que se considera fóra do común, articulado desde o momento en que o protagonista, Óscar, ten que retornar á súa vila natal tras anos de ausencia para axudar a coidar á súa nai. É aí cando agroman certos fantasmas que nunca puideron axotarse dun xeito definitivo porque están incrustados no fondo da memoria, operativos tamén para abordar outros focos de interese, de non menor relevancia, como son a conformación da propia identidade e mais a liberdade persoal de cadaquén. Por todo iso tamén Extraordinario é un canto á propia liberdade do ser humano.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 26 de abril de 2019.