Tina Vallès
A memoria da árbore (tradución de Xavier Rodríguez Baixeras)
Faktoría K, Pontevedra, 224 páxinas, 17 €, 2019
Non sei se Tina Vallès coñecía aquelas palabras que Castelao dedicou á árbore no seu Sempre en Galiza. Aquelas que falaban da árbore como “símbolo do señorío espiritual de Galicia”; da árbore como “ledicia dos oídos porque nela cantan os paxaros”; da árbore que lle pide “auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura”.
Dun ou doutro xeito, talvez porque as árbores son consubstanciais a nós, e porque o que relata é unha historia, ou varias, de valor universal, este A memoria da árbore é desa condición dos que deixan pegada na memoria. Porque da memoria, e de cando ela pode desaparecer, é do que fala esta proposta narrativa tan ben vertida ao galego por Xavier Rodríguez Baixeras.
Tina Vallès constrúe con pequenos fragmentos -once partes con once capítulos cada unha que discorren (case) como microrrelatos, tamén no sentido estrutural-, non sei se sería acaído dicir reconstrúe, a historia persoal dun neno chamado Jan que deseña un universo senlleiro marcado pola presenza do avó, da avoa, dos pais, da veciñanza e dun colexio situado nun pano de fondo porque o verdadeiro colexio repousa nas palabras do avó, o que este lle ensina e esa revelación que supón o coñecemento da árbore como un símbolo, efectivo, da memoria e da propia vida. A autora, cómpre subliñalo, expón unha capacidade de síntese apreciable, a palabra xusta poderiamos dicir, para transmitir con efectividade todo aquilo que se deriva do que ocorre nalgúns momentos deseñados con transparencia, dun cruzamento de olladas, dos acenos ás veces inconscientes ou mesmo de silencios
Non convén aquí, ao meu ver, desentrañar o argumento: non paga a pena porque coido que é deses libros que cómpre ler coma se todos fósemos Jan e non perdésemos, aínda, a capacidade de sorprendernos. Con el recórdase, ou apréndese, que a memoria é o que nos fai ser como somos e que, mesmo, hai dúas memorias: a da cabeza e a do corazón. Difícil non festexar a chegada deste libro tan sedutor que mesmo dá vontade de ir coñecer Vilarverd.