Revolución detrito, de Xosé de Cea

Revolución-detritoXosé de Cea

Revolución detrito

Xerais, Vigo, 184 páxinas, 12,15 €

 

Revolución detrito é unha entrega de ficción narrativa de Xosé de Cea, pseudónimo literario de Xosé García Rodríguez, título que foi finalista do XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, convocado pola Deputación da Coruña o ano pasado.

Xosé de Cea, alén de transitar no ámbito da poesía e do ensaio, xa publicara hai algúns anos O lume dos soños (Baía, 2004), baixo o pseudónimo de Cibrán Ulloa , co que se estreara nos camiños da narrativa xuvenil ao que vén engadirse, con fortuna ao meu ver, este volume que dalgún xeito dialoga co anterior e no que se move con habilidade nos ámbitos non sempre doados da distopía, ou talvez non tanto.

É esta unha novela que se sitúa, probablemente, nese territorio fronteirizo dunha proposta acaída para calquera tipo de lectorado. Nela cómpre salientar unha arquitectura concienciudamente deseñada, dona dun ritmo acaído, que nos sitúa nuns espazos verosímiles e facilmente visualizables a pouco esforzo imaxinativo que fagamos, onde non se desatende nunca o alicerce básico do libro como é a fe depositada en que sempre se pode modificar o estado das cousas por moi desamparada e dura que poida ser a situación persoal, tantas veces raiana co inhumano, ao que se suma a palpable carencia de expectativas duns personaxes situados na periferia da periferia nesa República de Ocidia, gobernada con man de ferro por un ditador execrable que alenta e promove que  dous irmáns, Ticho e Area, ante todo dous nenos, deban facer do lixo a única posibilidade para resistir e para sobrevivir.

Velaquí un canto, pois, á resistencia e á supervivencia, que nos fai pensar nas extremas condicións de vida dalgunhas persoas sometidas a un poder absoluto e no que, se algún elemento inicial convida a entendela como unha novela de filiación fantástica, o autor sabe resolvelo e conducilo con pericia para facer confluír esa suposta adscrición na construción dunha novela que si entende o poder fantástico da imaxinación como a única saída para seguir e confiar na esperanza de activar aquilo máis positivo que aínda alberga a condición humana.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 10 de maio de 2017.