Fraguas: crestomatía última

Alén de diversas achegas sobre Antonio Fraguas, que se foron sucedendo desde hai algúns meses e das que se foi dando conta neste blog, cando menos aquelas ás que tivemos acceso, nesta última semana apareceron no mercado, da man da Editorial Galaxia, un conxunto de publicacións das que este 17 de maio cómpre referirse, aínda que sexa moi brevemente.

Velaí, así pois, o Cantigueiro de Cotobade: unha compilación de cantigas que Fraguas comezou nos seus tempos de estudante e que publicou por vez primeira en 1985, nesta ocasión completadas con trece cantigas musicadas polo gurpo Oradaladou. Por outro lado, Notas compostelás, con tradución a cargo de Xesús Domínguez Dono, supón a recuperación dun texto sobre a vida colexial en Santiago, ao tempo que se revisan as principais figuras da cidade e as institucións, e outro que recolle  os apuntamentos de Fraguas sobre a historia da Sociedad Amigos del Arte de Santiago de Compostela, todo nun coidado libro coditado co Consorcio de Santiago.

Cómpre non esquecer o título Romarías e Santuarios no que recupera un dos seus libros máis populares, publicado orixinalmente naquela meritoria Biblioteca Básica da Cultura Galega dos anos oitenta e onde Fragua analizaba con profundidade as orixes e as características de cada unha das romarías máis significativas de Galicia a carón da descrición das igrexas ou capelas arredor das que se celebraban.

E nesta crestomatía última inclúo un libro sobre Fraguas. Velaquí o título As vidas de… Antonio Fraguas, de Xosé A. Neira Cruz: unha biografía novelada articulada de maneira atractiva para un lectorado novo mais non unicamente.

Feliz Día das Letras. Honra a don Antonio Fraguas.