Sándalo, de María Xosé Porteiro

9788491513193Sándalo

María Xosé Porteiro

Galaxia, Vigo, 400 páxinas, 22,20 €, 2019

Tras unha longa espera despois da publicación de Covardes (2001) Mª X. Porteiro publica Sándalo para dirixir unha ollada ao motivo da emigración, abordado desde unha perspectiva fragmentaria e acumulativa: talvez a máis operativa para transitar ao longo de douscentos anos polo ronsel da memoria recuperada -pois este é un texto de absoluta filiación memorialística- desde os esteos dunha liñaxe familiar que o destino situou entre Cuba e Galicia.

É innegable constatar a ambición que circula nestas páxinas que condensan as peripecias de ida e volta de diferentes personaxes, e as vidas que percorren anos de historia común, articulando unha viaxe no túnel do tempo onde cada capítulo ten a súa música propia e nos remite a unha época diferente, baixo unha engrenaxe común que funciona á perfección.  Por se fose pouco Sándalo, ademais, abraza características dunha proposta narrativa integradora de maneira que a autora non renuncia a exhibirse, como excelente xornalista que é, para contar o que foi Grito de Yara, para reparar na relevancia das loxas masónicas en Cuba, para conducirnos por algúns dos capítulos vitais de Curros en Cuba ou para rescatar o traballo das feministas cubanas a comezos do século XX e despois. Mais Porteiro, que sabe ben que a verosimilitude repousa nos grandes e nos pequenos detalles, tamén recorre con habelencia, en tantas ocasións resplandecente, aos recursos canónicos para tecer unha historia de historias, como pequenas teselas que van encaixando devagar ateigadas de emoción pois as personaxes históricas mais tamén outras anónimas que por aquí desfilan obrigan a pensar na condición humana: nas delacións e nas traizóns, nos amores e nas utopías. De todo isto confórmase a memoria da nosa emigración: esa materia nutricia gardada tantos anos nunha caixa de sándalo que a autora abriu, felizmente, para todos poidemos aspirar o seu recendo. Convídovos a sentilo.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 31 de maio de 2019 na sección “Ex umbra in solem”. Tamén reflexiono sobre a novela aquí.