O longo adeus, de Raymond Chandler

Raymond Chandler

O longo adeus (tradución de Alejandro Tobar e Diego Ameixeiras)

Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 508 páxinas, 15 €

 

 

Juan José Saer, un excelente escritor e crítico arxentino inxustamente descoñecido entre nós, afirmaba que na obra de Chandler un obxectivo da súa indignación viría a ser o “capitalismo monopolista que envelena a vida americana” e engadía que, ao seu xuízo, a fobia antimercantil que abrazaba podería entenderse como un elemento clave para a interpretación da súas novelas.

Talvez haxa algo disto, da deshumanización do noso tempo, nun texto relevante na obra de Raymond Chandler (1888-1959) como é O longo adeus, que chega arestora á lingua galega nunha espléndida e coidada edición, de cuxa tradución se responsabilizaron con pericia Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar. Ambos os dous deseñan, se cadra, o Philip Marlowe máis fiel e verosímil ao espírito chandleriano que eu lin: un clásico defensor das causas perdidas, definido polo seu autor como unha ecuación na que interviña o espello da mente americana, unha dose de realismo tosco, un chisco de vulgaridade, moito de enxeño estridente, puro sentimentalismo e un océano de expresións vernáculas.

Chandler sabe que a lectura é complicidade e faino coa forza dunha corrente imparable. Non permite o acougo e non é difícil xustificar a pertenza desta novela ao ámbito dos clásicos da narrativa negra. Velaquí unha trama envolvente que nos sitúa nun labirinto que agroma das consecuencias dun asasinato ao que se suceden fuxidas, visitas a baixos fondos ou a atmosferas sofisticadas con xiros argumentais inesperados e sorprendentes, entre eles a dun escritor atormentado. Nela percíbese ese humus dun autor que sabe como crear ficción de calidade a través dun espléndido e crítico retrato da sociedade norteamericana dos anos cincuenta do século XX, pero aínda vai máis alá pois no fondo, quen o dubida,  tamén pon sobre a mesa unha reflexión imprescindible sobre conceptos como son a xustiza, a soidade ou a amizade.  Non é pouca cousa.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 14 de xuño de 2019.