Jorge Emilio Bóveda
Eternos propietarios
Do Peirao, Santiago de Compostela, 132 páxinas, 15 €
En outubro de 1949 estreábase a peza teatral Historia de una escalera, de Antonio Buero Vallejo, que hoxe entendemos como un valioso texto que analizaba parte da sociedade española daquela altura a través do comportamento e das actitudes da veciñanza dunha escaleira. Cito este clásico, como tamén o podería facer doutras obras, porque Eternos propietarios, unha obra do escritor ourensán Jorge Emilio Bóveda coa que conseguiu a primeira convocatoria do premio de narrativa que organiza a editorial Do Peirao, dialoga en inmanencia con voces autoriais que saben construír coas vivencias cotiás unha visión crítica da frustración, un deseño da miseria moral que, dalgún xeito, se instala entre os habitantes que conviven nunha edificación urbana desde o momento en que se convoca a celebración dunha xunta de propietarios.
Eternos propietarios articúlase, así pois, como un texto fluído e aguilloante, unha proposta inspirada na ironía e no estrañamento característicos do autor que volve erguerse desde ese non-lugar literario tan real como é Auria e que se enlaza na súa querenza polos xéneros narrativos máis populares. A novela eríxese, así pois, a través dunha serie de semblanzas particulares iniciais das persoas propietarias das vivendas, das súas familias e acompañantes, que logo confluirán nun final inesperado que beirea o xénero do fantástico para adoptar, conclusivamente, unha aparencia racional. Cos devanditos fragmentos narrativos, ordenados en función do piso que se habita, conséguense radiografar ou deseñar, se se quere, os esteos da propia condición humana, marcada pola soidade e precariedade, tamén polas inequívocas “relacións sociais falladas”.
Bóveda é quen de puír con acerto este espello reflexivo de nós pois pon o ollo nas relacións humanas e nalgúns dos eixes que as gobernan, alén dos “nirvanas particulares” de cadaquén. Un libro que non debería pasar desapercibido.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 21 de xuño de 2019.