Animalia 2. Branco, de Xosé Tomás

XG00278001Xosé Tomás

Animalia 2. Branco

Xerais, Vigo, 56 páxinas, 12 €, 2019

 

Supérase, se isto é posible, Xosé Tomás nesta nova entrega que os seus devotos agardabamos desde aquel Animalia 1. Verde que publicara o ano pasado.

Volve abrazar o autor, así pois, esa filosofía que radica en ofrecer un monllo de historias autoconclusivas, que convidan á reflexión, á aprendizaxe e que se deseñan de mans dadas coa ironía e o humor, singularizando comportamentos, actitudes e respostas do ser humano a través de diversos animais, caracterizados sempre na súa diversidade e que, sobre todo, resultan operativos para evidenciar o desatino e a senrazón que carrexa a propia condición humana contemporánea e, por veces -poucas veces- tamén o mellor que se pode encerrar en nós. O autor non esquece, ao tempo, deitar unha ollada crítica sobre o proceso deste imparable cambio climático que tanto se evidencia nas atmosferas retratadas.

Velaquí “historias de animais que se parecen moito a nós, as persoas”, tal e como apunta Xosé Tomás, onde o frío e o mundo branco -que nunca é doado de reflectir nin de pintar- e mais as dificultades dun hábitat extremo, fan que a intelixencia sexa imprescindible para sobrevivir. Casos hai nestas historias a moreas. Convido a coñecelas.