Historia da literatura galega IV. A longa noite, de Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Historia da literatura galega IV. A longa noite

Xerais, Vigo, 544 páxinas, 25 €, 2019

 

O ambicioso proxecto que o profesor Xosé Ramón Pena ideou consistente en analizar o noso pasado literario chegou, hai escasas semanas, á súa cuarta entrega co libro que hoxe ocupa estas liñas. Tras tres volumes que abranguen o período que vai desde as orixes da nosa literatura ata a época das Irmandades da Fala, ofrécese agora unha análise pormenorizada, equilibrada, sistemática e completa do que aconteceu no campo literario galego no complexo período que vai desde o ano 1936 ata 1975. O deseño desta obra magna, con escasos precedentes na historiografía literaria galega, completarase cun vindeiro volume xa en preparación que abordará aquilo que se deu na literatura galega desde a chamada “transición” ata a actualidade.

O autor segue a exhibir aquí as ferramentas que caracterizan unha obra de referencia para todas as persoas interesadas en saber máis, e saber ben, respecto do noso patrimonio literario, neste caso aquel que atravesa boa parte do século XX: documentación exhaustiva e contrastada que se acompaña dun profuso aparato crítico; acaída contextualización histórica e socio-política, con especial atención aos determinantes marcos lingüísticos da época, e un denso e razoado labor de interpretación e valoración.

Con esta obra asomámonos, así, a ese corpus literario composto pola obra de verdadeiros clásicos da nosa literatura -Blanco-Amor, Novoneyra, Manuel María, Xosé Neira Vilas, Xohana Torres, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou o propio Carvalho Calero, por só citar algúns- sen esquecer ao mesmo tempo os precisos datos de carácter biográfico nin tampouco todo aquilo que ten que ver co contexto que acompaña a recepción dos seus traballos.

Coñecer a nosa tradición, manexar as claves que explican o herdo literario que nos precedeu é unha obriga, en moitos casos profesional e formativa; facelo cun traballo rigoroso coma este resulta un verdadeiro pracer.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 29 de xuño de 2019.