Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco

XG00285001Eduard Velasco

Os días felices de Benvido Seixas

Xerais, Vigo, 184 páxinas, 17,30 €, 2019

 

É de agradecer unha proposta narrativa como a que o escritor Eduard Velasco ofrece desde hai unhas semanas. Os días felices de Benvido Seixas é, sen dúbida, unha novela que fala do amor e do humor, que moitas veces fala do amor desde o humor. Hai amor entre os dous protagonistas da novela, Benvido Seixas e Mariña, pois os dous senten unha atracción que se mantén contra vento e marea, por veces sustentándose en mentiras, falsidades e enganos, porque os mundos dos que un e outra proceden, eses universos polos que transitan sen nunca chegar tocarse, non sei se resultan antagónicos mais cando menos as súas interseccións, e aí repousa o estrañamento vernizado polo humor, resultan a bastante infrecuentes.

Dun ou doutro xeito é xustamente o deseño desa relación o que pon ao descuberto un conxunto de lugares comúns que rodean a cultura galega e que contrastan con outros, se cadra tamén presentes nun segmento da poboación galega que vive alleo ou distante ao todo aquilo no que Mariña acredita. E esa exposición de contrastes, elevada exponencialmente porque Benvido se asocia a unha clase social favorecida, vai a máis de maneira natural nunha novela que tamén serve para rirnos de nós mesmos, para pór en cuestión por veces cuestións que atinxen á nosa propia identidade, cousa que por veces é moi saudable e aínda máis se como nesta ocasión se concibe o xénero narrativo de maneira heterodoxa e fresca, algo que non adoita estar presente nos nosos andeis de novidades.

Eduard Velasco constrúe, tamén cómpre dicilo, unha novela solvente pois domina con habilidade os recursos narrativos, manexa ben os tempos e prioriza ofrecer unha lectura áxil que por veces nos dirixe aos queridos territorios courelaos de Novoneyra e, en ocasións, pola relevancia que ten a lectura nas persoas,  no seu proceso de formación e de aprendizaxe do mundo.  A súa novela secunda, por extensión, esta afirmación.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 5 de xullo de 2019.