Indubidablemente suxestivo para calquera persoa interesada tanto na figura de Xosé María Álvarez Blázquez como na historia do maxisterio en Galicia é este libro de Narciso de Miguel que parte da oportunidade que se lle brindou ao investigador para acceder aos cinco cadernos que X.M. Álvarez Blázquez redactara, baixo o título de Diario del maestro, onde recollía as súas experiencias docentes realizadas na escola graduada de Tui no curso 1934-1935 e que custodiaba Celso Álvarez Cáccamo.
Un estudo minucioso e modélico, así pois, deste documento está na base dun libro que tamén repara no proceso xudicial e a súa depuración do corpo de mestres comprometidos co galeguismo e coa República, sen esquecer a lección de dignidade que repousa na defensa que o propio Xosé María Álvarez Blázquez realizou das acusacións ás que foi sometido.