Ramón Caride
Ramón Cabanillas do A ao Z (ilustracións de Xosé Cobas)
Concello de Cambados, Cambados, 64 páxinas, 2019.
Paréceme unha excelente idea que unha institución municipal, neste caso o Concello de Cambados, recupere un volume xa descatalogado como é este Ramón Cabanillas do A ao Z, que editara no seu día Irene Penas na editorial Everest e que, neste caso, conta con algúns poemas máis, un pequeno texto-dedicatoria de X.L. Méndez Ferrín e un limiar ad hoc de Víctor Caamaño.
O libro, a cargo de Ramón Caride, articúlase como un recoñecemento ao universo de Ramón Cabanillas, fundamentalmente á súa obra literaria. Deste xeito Caride estrutura vinte e tres composicións a xeito de homenaxe onde non é difícil advertir como se revela un traballo intenso, tendo como fonte a plural e heteroxénea obra cabanilleana, que recoñece, a través dos poemas, a pegada de Cabanillas en canto a motivos recreados, á temática das composicións e mesmo á reutilización que se realiza do léxico empregado polo autor d´A rosa de cen follas. Un libro operativo tanto para non deixar esmorecer a memoria dun poeta con maiúsculas como foi Cabanillas como para entrar no seu universo literario e vivencial, a través da poesía, neste caso doutro cambadés, de adopción, como é Ramón Caride. Parabéns pola iniciativa.