Pinturas de guerra, de Ángel de la Calle

w-423_num1_cbmt-001Ángel de la Calle

Pinturas de guerra (tradución de Isabel Soto)

Retranca Editora, Pontevedra, 308 páxinas, 30 €, 2019

 

Fascinante este Pinturas de guerra que trae para a lingua galega Isabel Soto en Retranca Editora tras acadar diversos galardóns como foron os que obtivo no Salón do Cómic de Barcelona en 2018 ou no Festival Internacional de Banda Deseñada de Angouleme, entre outros. E non é de estrañar pois Ángel de la Calle, o seu autor, articula nesta novela gráfica unha proposta inesquecible por moitas razóns.

O seu fío condutor repousa nunha sorte de falso alter-ego do autor, obsesionado coa lectura d´O home no castelo de Philip K. Dick, que chega a París para documentarse sobre a actriz Jean Seberg e, máis tarde, elaborar un libro que revele novos datos da súa biografía. A súa presenza será o elemento que  posibilite internarnos nun universo alimentado por moi diversas tramas, que van e veñen nun continuum que salta por riba da linealidade temporal, solventadas con éxito ao xeito da Rayuela cortaziana e entre as que destacan as dun grupo de pintores latinoamericanos que, nun momento dado, tiveron a fortuna de fuxir das ditaduras militares de Chile, Arxentina, Uruguai ou México.

Con chiscadelas aquí e acolá, dirixidas á bagaxe de cada persoa que se achegue ao libro, é doado confirmar como nestas páxinas o mundo da expresión artística, sintetizado nos pintores denominados “autorrealistas”, cobra un inequívoco protagonismo, mais salienta nesta obra ese arreguizo teimudo que vai agromando pouco a pouco ao vermos como se ilumina a ignonimia derivada da violencia institucional e da práctica da tortura como un fin en si mesma; un foco de luz que repara na vontade de procurar un horizonte novo e liberador diante da presenza ofegante das ditaduras militares. Tamén é un libro que nos fala ao oído sobre a experiencia do exilio, da difícil supervivencia en contextos extremos e, claro é, daquela irrepetible musa norteamericana da nouvelle vague como foi Jean Seberg. Imprescindible.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección Ex umbra in solem.