No encontro nacional en San Simón da Iniciativa Galega pola Memoria

Xornada reivindicativa e conmovedora, con centos de persoas, a que hoxe se celebrou na illa de San Simón e que acolleu a Homenaxe Nacional ás vítimas do franquismo organizada pola Iniciativa Galega pola Memoria.

Nesta ocasión foi a xornalista e escritora Ana Cabaleiro quen actuou como mantedora do acto, no que tamén participaron os Gaiteiros da Memoria- e que ela mesma comezou coa lectura dun texto centrado, basicamente, na denuncia da impunidade que se derivou da promulgación da Lei de Amnistía de 1977 e a defensa do dereito á investigación dos crimes contra a humanidade, alén de formular a demanda de xustiza e o apoio á Querela Arxentina. Dúas referencias concretas e necesarias como foron as dedicadas aos recentemente desaparecidos Darío Rivas -impulsor da querela arxentina- e a guerrilleira de Soulecín, Chelo Rodríguez, deron cabo a un discurso reivindicativo, diáfano e necesario.

A continuación, Cabaleiro presentou a Xosé Ramón Ermida, investigador sobre a represión fascista en Galiza que revelou, nun discurso breve, nomes e apelidos dos principais verdugos responsables dos asasinatos, torturas, represións e paseos a través dos lugares de actuación de cada un deles.

Seguiu Elvira Cienfuegos, da Asociación Cultural O Galo de Santiago de Compostela, que deu lectura a un texto subscrito por un preso galego torturado sobre a violencia psicolóxica que se exercía contra os detidos. Unha estremecedora actuación musical a cargo de Lucía César Veloso -reproduzo abaixo o vídeo da súa actuación na celebración do ano anterior-  deu paso á intervención de Celso López Pazos, da Asemblea Republicana de Vigo que, alén de insistir na idea de que a xustiza debe acatar a non prescrición dos crimes de lesa humanidade cometidos no franquismo, presentou a Chato Galante, voceiro de CEAQUA (Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina) e probablemente coñecido por moitas persoas pola súa intervención no documental El silencio de otros. Galante insistiu nese inalienable dereito, conculcado tras a Lei de Aministía, que debería garantir os principios de xustiza, verdade e reparación para todas as vítimas do franquismo, con referencias tamén ao espolio cometido en Galicia pola familia Franco.

Cultivar a nosa memoria debe ser, sempre, un principio que non podemos esquecer.  Mágoa perdernos o roteiro de Luís Bará pola illa e grazas  Montse Fajardo e Xoán Carlos Garrido por facilitarnos que hoxe visitaramos San Simón, sempre a illa da memoria.