Pedro, de Suso Díaz

muestraFotoSuso Díaz

Pedro

Ediciones Liliputienses, 112 páxinas, 10,40 €, 2019

 

Nos minúsculos obradoiros das Ediciones Liliputienses, situados na máxica Illa de San Borondón, que por veces agroma e se torna visíbel nin máis nin menos que en terras de Cáceres, chega este novo libro de Suso Díaz baixo o título de Pedro. Un libro situado no ronsel do seu libro Sofía  -publicado non hai moito tempo-, co que inevitablemente dialoga para proxectar tamén un exercicio singular inspirado, dalgunha maneira, na vivencia da paternidade, mais sobre todo desde as instancias das experiencias compartidas.

Vinte poemas de carácter máis narrativo, así pois, a carón doutros vinte haikus, nesta ocasión en edición bilingüe galego-castelán, exploran as dimensións dos afectos. Neles arrástrase para o presente o fardel da memoria compartida no vixésimo aniversario de Pedro e articúlase un equilibrio harmónico entre a palabra e o silencio, que tamén é elocuente; unha revisión vital de tempos vividos, do propio paso do tempo, dos camiños e as distancias, da estirpe e do herdo, dos territorios queridos e soñados. Todo por xunto en Pedro.