As voces da auga, de Ánxela Gracián



33_as_voces_augaÁnxela Gracián

As voces da auga

Baía Editorial, A Coruña, 184 páxinas, 13,50 €, 2018.

 

Un curso de moito e intenso traballo docente non me deixou ocasión para ler todo o que quixese. Esta é a razón pola que recuperei estes días pasados unha novela publicada a finais do ano pasado por Baía Edicións e que foi gañadora ex aequo o VIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira. E alégrome que puidese chegar a esta nova obra de Ánxela Gracián titulada As voces da auga pois, entre outros méritos, nela brilla o emprego dun rexistro literario con inequívoca vontade de permanencia. Ademais hai nestas páxinas un interese manifesto en informarnos sobre unha cultura en tantas ocasións ignorada ou oculta como é a chinesa,  mais sempre con contención e de xeito natural, ao tempo que a autora dosifica e estrutura con acerto un argumento que relata a vida cotiá de Wei Su e Li, pai e filla, arredor dos cales se van tecendo os fíos que conducirán á existencia dun misterio familiar -resolto con efectividade e sorpresa nas páxinas finais do libro-, sen deixar de ladoconflitos de carácter xeracional, laboral e social.

A novela de Gracián, de lectura fluída para un público xuvenil mais tamén adulto, fálanos de habitantes dun mundo “líquido de auga, lama, árbores e vento”, do éxodo constante, do encontro entre a tradición máis milenaria e a implantación progresiva do comunismo…, mais sobre todo fálanos da condición humana, detense nos valores da ética e a súa inexistencia para o cultivo do arroz ou para  o comercio co corpo das mulleres. E aínda nos fala, diría que como elemento substancial de toda a novela, do que significa nacer muller nun contexto concreto como é o tempo de Deng Xiao Ping cando moitas das mulleres nin identidade, nin nome, nin existencia realmente teñen de seu, nun contexto que cadra coa implantación das políticas de control de natalidade que derivaron no que poderiamos denominar un verdadeiro xenocidio ou infanticidio feminino.

Non teño dúbida que hai aínda máis valores neste libro de Ánxela Gracián. Aquí só deluvei uns cantos.