Sementeira Porträts, de Manuel Álvarez e Manuel Rivas

IMG_20190722_130735Manuel Álvarez e Manuel Rivas

Sementeira porträts

Sociedade Galega Sementeira / barede pranca ed., 96 páxinas, Confederación Helvética, 2019.

 

Recibín hai poucos días un exemplar de Sementeira Porträts, libro publicado pola Sociedade Galega Sementeira de Basilea e polo proxecto editorial barede prenca.

O libro foi xa presentado pola Sociedade Galega Sementeira no mes de xuño  no Parque Claramatte de Basilea e o vindeiro mércores 7 de agosto, ás 20:30 horas, protagonizará unhas das actividades da Feira do Libro da Coruña baixo o título “Retratos e poemas da emigración”, onde participarán Manuel Rivas,  Manuel Álvarez e Manuel Bragado, moderados polo xornalista Xosé Manuel Pereiro.  

Mais, que é Sementeira porträts? Pois realmente un deses libros que podemos denominar como unha pequena alfaia, tanto se falamos do seu tratamento estético e editorial como do seu contido. No primeiro aspecto advírtese un coidadoso proceso de edición que terma do seu deseño, da concepción gráfica e do proceso de impresión exemplarmente; no segundo salienta a solidez e vontade de permanencia dun proxecto creado polo fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez -de quen sabiamos por un traballo común que levara a cabo co poeta Miro Villar no libro Gameleiros– e que para esta ocasión fotografou corenta e dúas persoas, vinculadas coa Sociedade Galega Sementeira, e que constitúen, de seu, documentos gráficos e personalizados da emigración galega a través dos retratos realizados que, ao tempo, dialogan con haikus e aforismos, creados expresamente para este libro, a cargo de Manuel Rivas.

Os retratos de Manuel Álvarez fálannos desde o silencio e resultan elocuentes de seu. Persoas, as máis delas de orixe galega que, nun momento dado, se converten en imaxe de parte da nosa emigración actual pois de Carmen ata Castañeiras, cada un destes retratos encerra a súa historia persoal de desprazamento, de desarraigo, de construción dunha vida nova e de supervivencia tamén, ollados desde un tratamento que nos fai  reparar, fundamentalmente, nos rostros, nas olladas e nas mans. No rostros porque neles descansan as historias de vida particulares, que non se contan mais que están aí, para quen queira ou poida velas; nas olladas, porque cada unha delas preserva o pasado proxectado no agora; nas mans porque a súa particular e diferente disposición nos retratos constitúen un foco de atención que espella xa non só a idade e o paso do tempo, senón aspectos que revelan a propia personalidade ao cruzáranse procurando acougo, outras abrazándo(se), aqueloutras procurando outros horizontes.

Dalgún xeito, Manuel Rivas escribe, e reescribe, a vida destas corenta e dúas persoas. A súa intervención dialoga con cada un dos retratos, con cada unha das persoas fotografadas, tamén coa colectividade enteira emigrada. O recurso escollido obriga a un proceso de puimento, de refacción, de estilización da palabra e do pensamento de maneira que aforismos ou haikus condensan unha topografía que vai ao substantivo, que camiña cara ás dimensións do tempo e da vida que trae a memoria e o presente. Fai que leamos, e admiremos este libro, como unha conquista: a de recuperar e reivindicar a dignidade e a resistencia, na súa pluralidade da emigración galega.

Conclúo cun texto, presente neste libro que, por razóns persoais é moi da miña preferencia. De certo que Rivas mo empresta para aquí:

Na carteira da escola

atesouramos

rosas dos ventos.

Pois este libro é tamén unha “rosa dos ventos” manuelantoniana: un símbolo de luz e sorte, dun camiño a seguir, dunha decisión ponderada e afortunada como foi a de idear e levar a cabo este Sementeira porträts. Beizón.

 

 

1 Comment

Os comentarios están pechados.