Troglo&Dita, de Fon

Troglo-DitaFon

Troglo&Dita

Galaxia, Vigo, 76 páxinas, 18 €, 2019.

 

Teño para min que resulta case obrigatorio saudar unha publicación como a que aquí me ocupa –Troglo&Dita– xa non só pola escaseza manifesta de publicacións semellantes, falo da banda deseñada, se non polo interese que un libro así debería espertar.

Fon, pseudónimo literario de Alfonso Manuel Barreiro Carreño, é un ilustrador e historietista noiés que comezou a publicar na  A banda de Moebius (elaborando historietas) e Oink (como ilustrador),  foi profesor no curso semanal “O Garaxe Hermético” e, alén de colaborar en diversas plataformas informativas como historietista, publicou Curuxa. A voz de Azazel , en Retranca Editora.

Este libro, que acolle Galaxia e prologado por Kiko da Silva, é unha proposta áxil, de marcado ton humorístico, dirixida a un público infantil e xuvenil e protagonizada por dous personaxes que nos sitúan en tempos nos que un neandertal se namora dunha homo sapiens femia chamada Dita. Unha sorte de limiar explicativo é o que nos sitúa no tempo destes protagonistas para que logo un dinosauro-narrador ceda o paso a unha colectánea de historietas mudas marcadas por un estilo propio e, sempre, moito humor e ironía. Agardamos unha segunda entrega.