Lúa en Ningures, de Beatriz Maceda

XG00290901Beatriz Maceda

Lúa en ningures (ilustracións de Laura Veleiro)

Xerais, Vigo, 128 páxinas, 12,50 €, 2019

 

Sigo, con especial interese, a traxectoria creativa de Beatriz Maceda desde os seus comezos á que se veu sumar, hai uns meses, Lúa en Ningures: unha proposta literaria que non defrauda.

O seu título define, á perfección, a trama desta novela: Lúa chega, sen saber realmente como, a un campo de refuxiados chamado acaidamente Ningures pois este actúa como un símbolo xeneralizado de todos os campos de refuxiados que no mundo hai, de todos aqueles territorios marcados pola persecución e o desarraigo. A partir de aí desvela, en primeira persoa, o contraste que supón a súa vida anterior coa presente, o proceso de facer novas amizades, as dificultades do contorno familiar, as dolorosas perdas que se producen no campo e no seu país de orixe e batalla, desde as dificultades, por sobrevivir nun contexto duro e tan distinto onde as condicións de vida están sometidas a outros parámetros para ela impensables.

Coa evocación continua, e operativa para iluminar con esperanza a vida escura e gris, de fragmentos aprendidos de memoria d´O principiño, cando non sospeitaba que o mundo podía cambiar radicalmente, Lúa é un elocuente testemuño dunhas das máis terribles consecuencias das guerras: descobre o significado de palabras que para ela resultaban descoñecidas, asume o seu significado e tamén deposita a vontade de construír unha vida mellor con libros, cunha editora minúscula, con lapis de cores e con folios en branco. Fai da ilustración de diversas historias esperanzadoras un obxectivo que posibilita  dar e compartir o mellor de si. Un tema tratado con exquisitez e sen tabús, teño para min que pioneiro na nosa literatura infantil e xuvenil, inspirado nunha postura antibelicista e que nos lembra os Dereitos da Infancia, reproducidos no epílogo do propio libro, tantas veces conculcados.