Elena Gallego Abad
Dragal V. O segredo do dragón
Xerais, Vigo, 400 páxinas, 12,30 €, 2019
Non me ocupei, que eu recorde, de ningún dos volumes da serie Dragal de Elena Gallego no Caderno da crítica e quero facelo agora por mor da publicación desta entrega que completa o que hoxe podemos denominar como unha saga, que é hoxe unha pentaloxía, que se vén publicando ininterrompidamente desde o ano 2010 e que, se cadra, aínda gozará de continuidade. O certo é que, á marxe de gustos ou preferencias persoais, é salientable o esforzo de Gallego por construír un universo solvente inspirado nun corpus de elementos fantásticos, que teñen a súa orixe nunha xinea propia, e que toman corpo nun rexistro que o converte nunha narrativa especialmente apta para un lectorado xuvenil que guste deste tipo de lecturas, neste caso avalada pola súa axidade narrativa e a coralidade das súas voces.
Manexa a autora nesta entrega os recursos máis acaídos para ir termando da vontade da lectora ou do lector como son a existencia dun pergamiño, o proceso dunha xestación desacougante, e incoporar, ademais, elementos contemporáneos como son o avance das novas tecnoloxías, conflitos de carácter persoal que se debaten no seo dos dragalianos -eses híbridos entre humanos e dragóns- con fíos argumentais que nos sitúan a novela no ronsel dos textos marcados pola fantasía, con especial atención a asuntos mitolóxicos e históricos, harmonizado todo con trazos propios da ficción científica que me parecen especialmente documentados.
Unha novela operativa para lerse independentemente, aínda que goce de cabal sentido se se atende aos catro volumes anteriores, Dragal V seguirá facendo lectoras e lectores para a nosa literatura xuvenil. Ese é, entre outros, un dos seus meritos indubidables.