Penumbra, de Daniel Landesa

PenumbraDaniel Landesa

Penumbra

Xerais, Vigo, 152 páxinas, 12,30 €, 2019

 

Penumbra é a primeira novela de Daniel Landesa e nela acaróase ao xénero da distopía de carácter fantástico seguindo, con solvencia, as pautas que esixe o canon: descrición pormenorizada do territorio -onde o espazo de Desértica se opón ao de Penumbra- que resulta operativo para o desenvolvemento da acción; a aparición do conflito vehiculizado por unha desaparición e o intento de resolución da man dun grupo heteroxéneo de rapaces e rapazas, alén dunha conclusión, loxicamente, da que non cómpre dar conta aquí. Os doce capítulos e o epílogo que a constitúen acollen un argumento que avanza, con transparencia, en orde cronolóxica.

Alén da, talvez necesaria, contraposición entre territorios que representan o ben e o mal, separados a través da existencia dun muro en aparencia inexpugnable que separa o espazo de Desértica do de Penumbra, a  desaparición á que antes se aludiu posibilitará que un grupo de adolescentes que representan reinos “amigos” de Desértica -o reino da Montaña de Xeo, a terra das Cavernas de Sombra, as Terras do Sur e as Illas Douradas- escollerán representantes para investigar a desaparición como son  Carwin,  Pluma,  Ashlyn e Bow, todos diferentes  -sobre todo este último-, todos respectuosos co dereito á diferenza, todos complementarios entre si.

De aí en diante, se unha novela para un público xuvenil, mais non só, precisa dun ritmo áxil, de fragmentos marcados pola consecución de obxectivos, coa presenza de obxectos máxicos e un mundo cheo de perigos con animais salvaxes -alacorpios, cardeais, arácnulas e outros-, non hai dúbida que aquí se atoparán para satisfacción das persoas afeccionadas ao xénero. Pola súa resolución aberta un inclínase a pensar na continuación deste proxecto narrativo nun futuro polo que xa agardamos.