A secuestradora de océanos, de Yolanda López

secuestradora.jpgYolanda López

A secuestradora de océanos

Urutau, Pontevedra/Brasil, 70 páxinas, 12 €, 2019

 

Claudia Castro, prologuista deste último libro de Yolanda López, sinala que a une con ela “a influencia anglosaxona, a pegada rosaliana, o gusto pola palabra precisa que invoca imaxes poderosas e, como non, a sororidade”. En efecto todos estes elementos agroman con naturalidade  n´A secuestradora de océanos, construído cun corpus de imaxes e referencias que beben da propia natureza, con especial atención ao universo marítimo, e non unicamente porque circulen no frontispicio de dúas partes en que se divide o libro versos de Xohana Torres e de Manuel Antonio pois a presenza omnímoda do mar -eses “líquidos que braman”- e o seu imaxinario así  o envolve e goberna de comezo a fin.

Yolanda López constrúe un libro, así pois, con poemas que me parecen sometidos a un filtrado de carácter máis esencialista, máis contido dalgún xeito, onde os silencios cobran unha categoría que protagonizan tantos textos que viaxan por estas páxinas. Os trazos que caracterizan a súa poesía como son os devanditos ecos de poetas da tradición británica, enlazados co modelo rosaliano ou con esa perenne reivindicación da sororidade entendida como unha necesidade perentoria; volve sumarse, non sei se cun carácter aínda máis diáfano ou mesmo máis visual, o erotismo como elemento temático nuclear en moitos poemas, alén das homenaxes explícitas tributadas a diversas voces da literatura e doutras artes sen esquecer, como motivo literario e como recreación recorrente, a presenza dunha ferida non desvelada que demora en cauterizar.

Todos os éxitos para este libro que suma significativamente nun currículo creativo como é o de Yolanda López, interesante e talvez pouco divulgado.