mar de la, de Xosé Mª Vila Ribadomar

978841206130Xosé Mª Vila Ribadomar

mar de la

Toxosoutos, Noia, 102 páxinas, 14 €, 2019

 

Ofrece, desde hai uns meses, o escritor cambadés Vila Ribadomar o que é o seu quinto libro de poesía titulado mar de la, que se engade aos volumes A fraga do pericardio, Peixes medievaisFotogramática e, publicado o ano pasado, O corpo en extinción.

mar de la constrúese, talvez, como resultado dun cambio, dunha transformación, onde un océano substitúe as ondas polo símbolo da la, símbolo do abrigo e do quentor máis íntimo  mais tamén, nos rituais de curación dos Andes bolivianos símbolo do fracaso. Dun ou doutro xeito o certo é que este nobelo vai desfiañándose con visitas a  espazos como son o recorrente retorno a unha infancia que non sempre é un paraíso perdido, enchido de vivencias marcadas pola dualidade, feridas e cicatrices

Ao tempo, o libro articula unha ollada á experiencia amorosa, que igualmente non se reduce a unha visión única, en ocasións próxima á caída ou ao abismo. Dun ou doutro xeito, o autor opta por abeirarse con frecuencia á imaxe visionaria e sempre se acaroa a un discurso moi puído e estilizado onde sobresae o exercicio de síntese operado, isto é, unha condensación expresiva que, axiña, describe unha situación, recupera ou evoca unha experiencia, imaxinada ou non, e conclúe cunha reflexión en moitas ocasións implícita que convida a pechar, cadaquén, na súa lectura. Seguiremos, con interese, a traxectoria desta voz singular.