Xesús Alonso Montero
Alfredo de la Iglesia. O intelectual, o educador e o autor do primeiro manual de literatura galega para escolares de instituto
Real Academia Galega-Deputación de Pontevedra, 225 páxinas, 18 €
O profesor Xesús Alonso Montero ofrece unha descuberta realmente estimable tanto para a historia da pedagoxía galega como para a nosa propia cultura. Tal é a edición, semi-facsimilar, dun insólito manual de historia da literatura galega -depositado no arquivo da RAG- que Alfredo de la Iglesia escribiu hai cen anos para o seu alumnado do Instituto de Pontevedra, destino onde exerceu como catedrático de lingua e literatura castelá entre 1918 e 1931, nun claustro onde acompañou a Castelao ou Filgueira.
Este estudo posibilita, ademais, achegarnos con garantías á tan descoñecida biografía intelectual de Alfredo de la Iglesia -un librepensador en palabras do seu estudoso-, que proviña dunha familia onde o seu pai, Francisco María, fora o autor do primeiro drama en lingua galega, A fonte do xuramento (1812), aínda que el nunca escribira en galego. Aínda así foi, como docente, a primeira persoa que ditou leccións de literatura galega, fóra do currículo oficial, antes de que Filgueira Valverde impartise, no ano 1933, un curso de literatura galega na Facultade de Letras en Santiago de Compostela.
Tras o cumprido estudo de Alonso Montero incorpórase a reprodución facsimilar do manuscrito titulado Resumen de Historia de la Literatura Gallega, alén de programas das leccións e uns apuntamentos de 1926 a cargo de dous alumnos, Elvira e Manuel G. Salgado, que confirman como o profesor De La Iglesia ía modificando as súas clases curso tras curso.
Quen dubida, desde agora, que Alfredo de la Iglesia foi un pedagogo pioneiro, exemplar e valente -pénsese neste proxecto nun contexto como o da ditadura do xeneral Primo de Rivera- e que se cadra redactou este manual tendo presente que Murguía, no seu libro Os precursores, esquecera tanto a Antonio de la Iglesia como a Francisco María. Dun ou doutro xeito é este un achado relevante que Alonso Montero nolo revela e contextualiza con modélica brillantez.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 5 de outubro de 2019.