Partituras, de Xoán C. Domínguez Alberte e Mercedes Queixas

EAJCHCCX4AEERiPXoán C. Domínguez Alberte e Mercedes Queixas

Partituras

Laiovento, Santiago,  134 páxinas, 14 €, 2019

 

Hai certa tradición, e ao meu ver brillante, que contempla a creación poética como diálogo e interacción a dúas voces. Velaí exemplos como os que ofreceron no seu día  H. Villar Janeiro e X. Rábade Paredes,  Xavier Seoane e Manuel Rivas ou Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, por só citar tres exemplos. Neste ronsel sitúase Partituras con cen poemas que aluden, como Domínguez Alberte e Queixas avisan no limiar, a unha consciente ligazón coa tradición do partimen, xénero de filiación medieval.

Partituras articula un lugar de encontro na escrita para que sexa a palabra poética a que asuma a centralidade nunha viaxe de  ida e volta, formulada desde a consciente anonimia dos poemas que nos conducen a unha dialéctica, a un intercambio de reflexións e motivos estruturados baixo a libre vontade das voces que abrazan un proxecto orixinal para se erixiren, finalmente, nunha voz senlleira que se desdobra libremente en canto á temáticas e recursos formais.

E velaí como agroma un discurso fluído, acompañado maxistralmente polas ilustracións de Baldo Ramos, que nos convida a coñecer camiños imprevisibles como é de esperar ao reformular e modernizar  unha tradición propia que nos conecta, como sempre, co mundo. E nestes camiños é doado rastrexar a riqueza imaxinística e a vizosidade lingüística que os domina para debater, claro é, a “fins d´amors”, mais tamén asuntos como  o cuestionamento do exercicio creativo, a constatación do paso do tempo ou as dúbidas presentes no comezo do percorrido para revelar unha suxestiva reflexión sobre o significado do silencio e da palabra, sobre as dimensións que adquiren as cicatrices o e corpo, sobre os conceptos de nación, estirpe e memoria. Todo isto, e máis, domea os poemas para dotalos dun inequívoco arraigamento co territorio, co tempo, co pasado e co presente, con todo aquilo que permite desvelar cartografías individuais e, xaora, colectivas.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 11 de outubro de 2019.