Marilar Aleixandre
Santiago de Compostela desde dentro
Alvarellos, Santiago, 108 páxinas, 14,90 €, 2019
Gustei moito desta proposta, acollida á estrutura de guía, que publica Alvarellos da man de Marilar Aleixandre. Gustei, talvez, porque respectando o formato habitual que un agarda deste xénero está concibida por principios que a fan distinta e, abofé, interesante e suxestiva para calquera persoa que queira achar unha visión que se afaste das guías tradicionais en xeral e sobre Compostela en particular. O selo editorial que a acolle anúnciaa como unha “guía alternativa, sensible, ecolóxica, feminista e literaria de Compostela” e non lle falta razón.
Teño para min que este libro posibilita e convida acceder ao coñecemento do que significa unha cidade como Santiago de Compostela, e faino desde as instancias do manexo dunha abondosa documentación previa e, claro é, un discurso expositivo brillante como é adoito na responsable deste volume, o que explica ese percorrido satisfactorio e, nalgunha medida innovador, que se achega a diversos espazos de carácter cultural e, tamén, natural que tantas veces pasan desapercibidos.
As descubertas que incorpora este libro, articuladas a través de nove visitas, catro itinerarios, un territorio das mulleres e un calendario de árbores, flores e festas, han ser innumerables para turistas que chegan á cidade, mais teño a convicción que moitas persoas, coma no meu caso, que nunca nos sentimos alleos ao latexo da cidade, descubrimos ángulos ou detalles, e por veces non menores, que se agochan tanto nas liñas deste libro como no seu extenso corpus fotográfico.
Aquí e acolá, ademais, alén de recomendacións de índole gastronómica ou comercial escollidas con tino e efectividade, xorden apuntamentos de corte literario que poboan as páxinas con indiscutible acerto porque esta é tamén unha cidade revelada aquí coa palabra -literaria- e a imaxe. Moitos parabéns pola iniciativa.