Homaxe a José Ángel Valente

Valente (3)VV.AA.

Homaxe a José Ángel Valente

Editions Impossibles-Sociedade A Nosa Galiza, Xenebra, 52 páxinas, 2001.

 

Chegou ao meu correo hai algúns días esta publicación que supuxo unha enorme alegría para min e que hoxe incorporo ao blog. Editado impecablemente, na mellor das tradicións do prelo centroeuropeo, polas Editions Impossibles en colaboración coa Sociedade A Nosa Galiza de Xenebra no ano 2001, é un volume concibido como recoñecemento á figura de José Ángel Valente, que falecera daquela había un ano e que fora igualmente membro fundador da devandita Sociedade.

Teño para min que a pulcritude e a emoción contida que exhibe a publicación segue, tras case dúas décadas, presente e intensa como testemuñan os poemas de Valente na cuberta e contracuberta, a palabra dun conxunto de persoas devotas da escrita do autor ourensán como son Xoán Anllo, Carmen Blanco, X. L. Méndez Ferrín, Bernard Noël, Luz Pozo, Antonio Gamoneda, Juan Goytosolo, Jacques Ancet, Andrés Sánchez Robayna, Darío Villanueva e Claudio Rodríguez Fer; ilustracións a cargo de Chillida, Manolo Álvarez, Isaac Pérez Vicente e Flavia Álvarez Velasco, alén dunha partitura de Luis Alberte e un conxunto de imaxes fotográficas a cargo de Manolo Álvarez fan deste libro unha verdadeira alfaia que moito valoro e que provocan volver a ollada á poética, senlleira e irrepetible sempre, de José Ángel Valente: “As verbas voltan como volta a mar, // como ti voltas, pai…”