Non deixes que a tardiña me sorprenda. Antoloxía poética, de Fiz Vergara Vilariño

Fiz-Vergara-VilarinhoFiz Vergara Vilariño

Non deixes que tardiña me sorprenda. Antoloxía poética (edición de Yago Rodríguez Yáñez)

Galaxia, Vigo, 306 páxinas, 17,90 €, 2019.

 

Resultoume unha verdadeira regalía volver á poesía de Fiz Vergara Vilariño grazas este nunca ben ponderado traballo de Yago Rodríguez Yáñez, responsable tanto do estudo previo como da escolla e fixación textual do apreciable número de poemas compilados que constitúe esta necesaria escolma que debería, ou iso confío, poñer en valor a poesía do autor de Santalla de Lóuzara, alentar a súa (re)lectura ou descubrilo, no seu caso, para as persoas que non se familiarizasen ata agora coa súa voz.

Foi unha voz senlleira a de Vergara Vilariño e o editor do volume, Yago Rodríguez, responsable dun traballo modélico, encárgase de lembrárnolo e achegárnolo desde o manexo dunha extensa documentación e unha non menos brillante interpretación nunhas páxinas limiares que se converten, hoxe por hoxe, nun dos ensaios máis relevantes sobre o que significou Fiz Vergara e a súa obra poética, trazando así un completo percorrido bio-bibliográfico, onde repara na relevancia que gozou o progresivo asentamento da súa obra grazas á axuda ou influencia de Xesús Alonso Montero, Manuel María, Antón Tovar ou a admiración que sentiu por Ramón Cabanillas,  para logo escolmar algúns poemas soltos representativos da súa estética e, deseguido, ofrecer un itinerario por algunhas das composicións máis salientables de Orfo de ti en terra adentro (1976), Poeta muiñeiro á deriva (1982),  Nos eidos da bremanza (1990) , Pastora de sorrisos (1993) ata o seu póstumo Animal sen fel (1998). 

Unha oportunidade inmellorable esta que se nos brinda para obtermos unha visión global, para reencontrarnos con esa linguaxe inconfundible que foi o louzarín da Lóuzara Xabreira, para sentir a honestidade desde a que creou un universo literario propio e único, marcado pola angustia existencial, pola voz reivindicativa e tamén polo amor.