A araña que lles tiña medo ás arañas, de Ramón D. Veiga

XG00305201.jpgRamón D. Veiga

A araña que lles tiña medo ás arañas (ilustracións de Iván R.)

Xerais, Vigo, 40 páxinas, 13,10 €, 2019

 

Ás portas do Samaín chega unha oportuna e nova entrega, en forma de álbum ilustrado, para as máis novas e novos da casa: en A araña que lles tiña medo ás arañas, Ramón D. Veiga -responsable de dúas  propostas que xa comentamos neste blog-  e nesta ocasión coas ilustracións de Iván R. ofrece un relato para un lectorado onde o medo, mais tamén evidentes doses de humor, abrazan unha historia de carácter acumulativo, sempre en continuo movemento e protagonizada por diversos animais -un sapo, unha ra, un galo e un lagarto- alén dunha nena, mercé aos que unha pequena araña -intuitiva e ao tempo afouta- vai descubrir o mundo.

Son indubidables as vantaxes que carrexa un relato infantil cunha estrutura como a sinalada e que non vou reiterar aquí, mais se se fai, ao tempo, dun xeito divertido e cunha fórmula reiterada no libro que homenaxea ao versos rosalianos “¡Non che teño medo, moucho, // moucho, non che teño medo!”, o resultado é espléndido.