As aventuras de Mikołaj Doświadczyński, de Ignacy Krasicki

cub_as-aventuras-de-mikolaj_web.jpgIgnacy Krasicki 

As aventuras de Mikołaj Doświadczyński, (tradución de Lúa García Sánchez)

Rinoceronte, Cangas, 186 páxinas, 16 €, 2019

 

Incorpora ao seu catálogo a colección Vétera de Rinoceronte Editora, serie dirixida por Raúl Gómez Pato, un libro fundacional da novelística polaca titulado As aventuras de Mikołaj Doświadczyński, do bispo ilustrado Ignacy Krasicki (1735-1801), nado na rexión polaca de Galicja. Tradución que, ademais, é a primeira versión que se realiza a unha lingua da península Ibérica pois só fora vertida previamente, até o de agora, ao alemán, francés, ruso, inglés, italiano e xaponés. A propia tradución, a documentada introdución e as notas débense ao modélico traballo de Lúa García Sánchez.

É xustamente a tradutora quen nos ofrece unhas pistas orientadoras sobre o libro que é, en efecto, unha novela de aprendizaxe e viaxes, de formación se se quere, rexida por unha vontade inequívoca de didactismo e pola intención de espallar unha serie de ensinanzas morais, no seo das que introduce a relevancia da educación para o futuro dun país, alén dalgunhas doses de utopía política operativas para que o autor dea renda solta á súa intención satírica, xa presente nun formidable prefacio onde ataca á falsa modestia e afirma que escribir, para el, resulta unha enfermidade incurable.

A novela, publicada orixinalmente no ano 1776, deseña a través das súas tres partes a vida de  Mikołaj  desde os seus primeiros pasos  ata converterse nunha persoa que abraza o pensamento ilustrado. Nese percorrido modifica, ou disfraza ás veces, a súa condición social e profesional, que o leva, en palabras do autor, a ser “un cortesán en Varsovia” e máis tarde un “galán en París, un labrego en Nipu, un escravo en Potosí e un tolo en Sevilla”. Dun ou doutro xeito, nese rodopío ficcional, resulta sorprendente, ou se cadra non tanto, como manteñen hoxe unha vixencia verdadeiramente sorprendente cuestións como as que sinalan directamente ao fondo da condición humana pois é probable, malia os anos transcorridos, que non cambiaramos moito.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, sección “Ex umbra in solem”, o 8 de novembro de 2019.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s