Bicos e non balas, de Antonio García Teijeiro

9788491513964Antonio García Teijeiro

Bicos e non balas (ilustracións de Bea Gregores)

Galaxia, Vigo, 108 páxinas, 19 €, 2019

 

Sempre é oportuno achegarnos ao que a paz significa, ou debe significar, nas nosas vidas. Máis aínda se o facemos con poemas e da man de Antonio G. Teijeiro que ofrece aquí unha escolma dos seus poemas publicados ao longo de máis de trinta anos en diversos libros, máis dous inéditos, que gravitan arredor desta temática.

Prologado, luminosamente, por Juan Carlos Martín Ramos, Bicos e non balas supón unha aposta pola lectura, pola literatura e, xaora, por contaxiar a quen a este libro se achegue -persoas novas e adultas- a relevancia que a paz debe ter nas nosas vidas,  mais tamén a todo o que esta significa, sobre todo, no universo que no que a guerra manca e fere con maior crueldade como é o das nenas e nenos.

O libro, así pois, desvela e amosa unha realidade sen tabús a través da palabra que leva implícita unha aposta pola xustiza social e pola igualdade para erixir un canto contra a xenofobia e a aporofobia, contra o fascismo a a violencia machista, sempre a prol da esperanza de acadar un mundo máis xusto. Un libro no que resoan, como un agasallo, os ecos das voces de Bob Dylan, de Rosalía ou de Celso Emilio Ferreiro, entre outras moitas: voces que son felices compañeiras de viaxe sempre tan queridas polo autor vigués.

Declarou en varias ocasións García Teijeiro que con este libro pretende facer, na liña do exposto tan brillantemente anos atrás polo pedagogo Suso Jares, “pedagoxía da paz”. En efecto, non atopo mellor cualificación para un libro que agroma desde a vontade de crear conciencia para xerar a reflexión, para desenvolver o espírito crítico, para que non se prohíba soñar nestes tempos en que semella que a miseria moral avanza a pasos axigantados. Un libro de poemas de enorme utilidade didáctica e tamén literaria, do que non resultaría inxusto esquecer a magnífica e brillante interpretación plástica que incorpora unha ilustradora novel de gran futuro como é Bea Gregores. Moitos parabéns por esta iniciativa.