Participei, este pasado xoves, na calidade de presentador e moderador, nunha mesa redonda que se articulou baixo o título “Cuba na literatura galega”, no seo do Congreso A Habana galega: historia e memorias cruzadas, promovido polo Consello da Cultura Galega.
Resultou un pracer escoitar as intervencións de Xerardo Agrafoxo, Xavier Alcalá, Rosa Aneiros e María Xosé Porteiro, nucleadas arredor das diversas achegas creativas que asumiron a presenza de Cuba como eixe temático, tanto no ámbito da ficción como nas abeiradas ao xénero da crónica, tal e como foron, respectivamente, Viaxe á última revolución, A Habana flash e Verde oliva, Sol de inverno e Sándalo e que xeraron un vivo debate posterior onde para min o máis interesante foron as reflexións de corte literario que alí se expuxeron. Deixo aquí constancia do meu agradecemento por poder participar neste acto.